|
Coristanco, ten sona de terra farturenta e de gran producción de patacas, un pobo que sempre foi i é acolledor. As nosas xentes ábrense a Galicia para compartir a cultura, as ideoloxías, a gastronomía, por iso, Coristanco é coñecido como Verxel de Bergantiños. Cuxa comercialización é moi importante xa que a calidade e a abundancia priman co Selo de Denominación de Orixe. A Festa da Pataca, que se celebra cada terceiro fin de semana de Setembro, máis que unha festa e unha degustación, é unha merecida e prezada homenaxe aos agricultores e ao cultivo tan fértil como hai nestas terras. Esta Festa da Pataca é recoñecida en todo o mundo, tanto pola producción deste tubérculo como é lóxico, pero tamén pola diversión e desfrute desta vila Coristanquesa, das súas paisaxes, a súa arquitectura, as súas xentes, si o visitante coñece todo o que o pobo de Coristanco pode ofrecer, quedará enfeitizado da súa beleza e das súas patacas. Esta festa, ten nome propio, é unha das poucas que perdura aínda que os anos pasen, continúase facendo e sempre con grande éxito, por eso, a elaboración dun programa para a festa é o máis importante, e no que sempre se pretende dar servizos dende os nenos ata os maiores. É unha festa que dá moita vida ao pobo Coristanqués e as súas xentes, as rúas están todas ateigadas de xente que fan que se animen a participar e sentirse un máis desta terra tan prezada, unha terra feiticeira. A participación dos tractores engalanados é a alma da festa, o sentimento de toda persoa que ven a festa quere ver, observar e prezar as esculturas feitas con patacas. Un traballo e sentimento admirado por todos, xa que hai verdadeiras obras de arte. É difícil explicalo con verbas, non tería sentido ata que o ves cos teus propios ollos. A degustación de patacas, é a imaxe e o referente para que o visitante coñeza o noso producto, e perciba a súa calidade e sabor para que posteriormente se faga eco do seu sabor. As actividades da tarde nesta Festa da Pataca son a diversión maior da festa. O baile da pataca, o trueiro, apaña de patacas e tiro da corda, son os xogos tradicionais e concorridos por parellas de Coristanco e de toda a bisbarra, no que todos temos cabida para desfrutar toda a tarde xunto coa música. Outro dos referentes desta festa gastronómica, é a Feira Cabalar onde participan máis de 150 cabaleiros/as e a Feira da Maquinaria Agrícola, na que varios expositores amosan as últimas innovacións do campo e a agricultura, xunto con novas iniciativas e cambios que xurdan cada ano.
|